martes, 21 de agosto de 2012

Vantaxes e Desvantaxes das cooperativas



As principais características da sociedade cooperativa fronte ao resto de formas xurídicas podémolas resumir nas seguintes:
  • Unha persoa = un voto, o que prima é a persoa fronte ao capital achegado.
  • A maioría do capital está en mans das persoas socias que sempre terán que ter menos do 50% do capital total.
  • Os beneficios distribúense entre as persoas socias na cooperativa en proporción á actividade cooperativizada.
  • Ante as perdas respóndese só co capital achegado polas persoas socias e non cos bens persoais.
  • Existe un capital inicial mínimo de 3.005,06 euros.
  • Para a constitución cómpren, como mínimo, tres persoas.
  • As persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado poden elixir entre o réxime xeral ou o especial de autónomos.
  • Unha parte dos beneficios xerados impútase ao Fondo de Reserva Obrigatorio e ao Fondo de Formación e Promoción Cooperativa, destinados á consolidación, á mellora da produtividade e ao desenvolvemento da cooperativa.
  • As cooperativas teñen unha importante vinculación co territorio contribuíndo ao aproveitamento dos recursos endóxenos e locais, o que provoca efectos impulsores de cohesión económica e social.
  • Por este motivo, as cooperativas están fiscalmente protexidas e ademais se fomenta a súa creación a través da concesión de subvencións específicas ao sector.

jueves, 16 de agosto de 2012

Clasificación das cooperativas


Tipos de cooperativas: 
Cooperativas de traballo asociado
Asocian a persoas naturais para o desenvolvemento dalgunha actividade, cooperativizando a prestación do traballo. Proporciónalles aos socios e socias postos de traballo, e producen en común bens e servizos.

Cooperativas de servizos
Asocian a persoas físicas e/ou xurídicas, titulares de actividades industriais ou de servizos, así como a profesionais e artistas que exerzan as súas actividades por conta propia. Teñen por obxecto a prestación de subministracións e servizos e mais a realización de operacións encamiñadas á mellora económica e técnica das actividades profesionais ou das explotacións dos seus socios.

Cooperativas de consumidores e usuarios
Asocian a persoas físicas ou xurídicas que sexan destinatarios finais.Teñen por obxecto a procura de bens e servizos para o consumo de socios e socias nas mellores condicións de calidade, prezo e información.

Cooperativas agrarias
Asocian a persoas físicas e xurídicas titulares dunha explotación agrícola, forestal ou gandeira. Teñen por obxecto a prestación de subministracións e servizos e mais a realización de operacións encamiñadas á mellora económica e técnica das explotacións dos seus socios.

Cooperativas de transportistas
Asocian a titulares de empresas de transportes ou profesionais que exerzan a actividade de transporte. O obxecto é prestar servizos de transporte ou ben realizar actividades que fagan posible este obxecto.
De estar formadas por persoas naturais que lle prestan á cooperativa o seu traballo persoal, considéranse cooperativas de transportistas de traballo asociado.

Cooperativas do mar
Asocian a titulares de explotacións dedicadas a actividades pesqueiras, de industrias marítimo-pesqueiras, marisqueo e derivadas, e aos profesionais das devanditas actividades. O seu obxecto é a prestación de subministracións e servizos e mais a realización de operacións encamiñadas á mellora económica e técnica das actividades profesionais ou das explotacións dos seus socios.

Cooperativas de explotación comunitaria da terra
Asocian a titulares de dereitos de uso e aproveitamento da terra e a titulares doutros bens inmobles, presten ou non o seu traballo, así como a quen, sen ceder ningún dereito de uso, vai prestar o seu traballo nela. O seu obxecto é a explotación agraria en común dos bens cedidos.

Cooperativas de explotación dos recursos acuícolas
Asocian a titulares de dereitos de uso e aproveitamento de bens, relacionados co exercicio de actividades de explotación dos recursos acuícolas, presten ou non o seu traballo, así como a quen, sen ceder ningún dereito de uso, vai prestar o seu traballo nela. O seu obxecto é a explotación de recursos acuícolas en común por parte das persoas asociadas.

Cooperativas de vivendas
Asocian a persoas físicas que precisan aloxamento ou instalacións complementarias á vivenda. Teñen por obxecto procurar vivendas, locais ou instalacións complementarias para os seus socios.

Cooperativas de ensino
Hai dúas modalidades: as que asocian a pais e nais do alumnado ou ao propio alumnado, que funcionan como unha cooperativa de consumo e usuarios; e as que asocian ao profesorado e ao profesional non docente e de servizos, que funcionan como unha cooperativa de traballo asociado. Teñen por obxecto desenvolver actividades docentes, e poden realizar tamén con carácter complementario outras actividades que faciliten o seu obxecto principal.

Cooperativas de servizos sociais
Asocian a persoas físicas que prestan o seu traballo na cooperativa e, a maiores, poden participar como socios as administracións ou entidades públicas ou os axentes sociais colaboradores na prestación de servizos. Teñen por obxecto a realización de servizos sociais públicos ou privados.

Cooperativas de integración social
Asocian a persoas naturais de colectivos excluídos e mais aos seus titores e titoras e ao persoal de atención. Tamén poden participar como socias as administracións ou entidades públicas. Teñen por obxecto a prestación de servizos educativos, asistenciais, laborais e sanitarios ou calquera outra actividade económica coa que poidan integrarse laboralmente persoas que sufran calquera tipo de exclusión social.

Cooperativas de crédito
O seu obxecto é cubrir as necesidades financeiras das persoas asociadas e de terceiras persoas. Exercen actividades económicas propias das entidades de crédito.

Cooperativas de seguros
Asocian a persoas físicas e/ou xurídicas que exercen a actividade de asegurador. Existen dúas modalidades: as que teñen por obxecto cubrir en común os riscos asegurados dos asociados e asociadas, funcionando como cooperativas de consumo e de usuarios/as; e as que asocian a persoas físicas que achegan o seu traballo e se dedican á actividade aseguradora e cobren os riscos de calquera asegurado, funcionando neste caso como cooperativas de traballo asociado.

Cooperativas sanitarias
Teñen por obxecto desenvolver actividades sanitarias. Poden ser de varios tipos: cooperativas sanitarias de seguros, nas que o obxecto consiste en cubrir riscos relativos á saúde; cooperativas sanitarias de traballo asociado, formadas por persoal da saúde e/ou persoal sanitario; cooperativas sanitarias de consumidores, formadas por persoas físicas ou xurídicas co fin de obteren asistencia sanitaria.

Cadro resumo:

CLASIFICACIÓN DAS COOPERATIVAS
Clasificación Xeral
Tipoloxía Xeral
Características

Cooperativas de Traballo Asociado
·          cooperativas de traballo asociado
·          cooperativas agrarias
·          cooperativas de explotación comunitaria da terra
·          cooperativas de transportistas
·          cooperativas de ensino
·          cooperativas de integración social
·          cooperativas de servizos sociais
·          cooperativas sanitarias

Asocian a persoas que van a desenvolver unha actividade cooperativizando o seu traballo.

Proporciónalles aos socios e socias postos de traballo.

Necesitan un mínimo de 3 socios para constituirse.

Cooperativas de Servizos
·          cooperativas agrarias
·          cooperativas de servizos
·          cooperativas de transportistas
·          cooperativas do mar
·          cooperativas de explotación dos recursos acuícolas
·          cooperativas de seguros

Asocian persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de actividades económicas, ou empresariais.

Prestarán subministros, servizos ou producirán bens que favorezan económica e técnicamente as actividades profesionais dos seus socios.


Cooperativas de consumidores e usuarios
·          cooperativas de consumidores e usuarios
·          cooperativas de vivendas
·          cooperativas de ensino
·          cooperativas de crédito
·          cooperativas sanitarias

Asocian a persoas físicas co obxecto de obter bens e servizos para o consumo e uso dos socios e socias en boas condicións de calidade e prezo.