A Consellería de Traballo e Benestar promoverá este ano os programas
destinados a xerar novos empregos no eido do cooperativismo. Así o
avanzou o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo
Martiñá, na inauguración en Ames dunha xornada na que se presentou a
nova Oficina de Desenvolvemento Cooperativo da Fundación Feiraco.
Martiñá
destacou que as cooperativas están a resultar unha boa alternativa de
autoemprego colectivo para aquelas persoas que queren emprender un novo
proxecto baseado nos valores de igualdade, axuda mutua e
responsabilidade compartida. Explicou, ao respecto, que este feito
reverte nun incremento no ritmo de creación de novas empresas de
economía social en períodos de crise económica.
Así, expuxo que en
Galicia o número de cooperativas activas a peche de 2012 creceu nun
3,13 por cento con respecto a 2009, chegando ás 1.152. Ademais, segundo
os últimos datos, as cooperativas agrupan a 90.158 socios e socias e
crean un total de 18.649 empregos vinculados de forma directa á economía
social, o que supón case un 2 por cento da poboación ocupada.
No
caso das sociedades laborais, Martiñá explicou que tamén aumentaron,
tanto en número de persoas socias como de empresas. Entre 2009 e 2012
incrementáronse nun 8,62 por cento.
O director xeral de Traballo e
Economía Social tamén resaltou a calidade do emprego das cooperativas.
“Os principios cooperativos de xestión democrática, participación
económica de socios e socias, intercooperación e interese pola
comunidade conforman un modelo de xeración de riqueza que ten
repercusión en Galicia”, apuntou.
Ante a resposta que as
cooperativas están a dar fronte a crise, Martiñá lembrou “a gran aposta”
que o Goberno galego está a facer para promover a posta en marcha desta
fórmula de emprego. Neste senso, explicou que a Xunta está a potenciar
as sinerxías que resultan da cooperación entre as distintas
administracións e entidades co fin de estimular a realización de
actividades de promoción do cooperativismo mediante oficinas de fomento
cooperativo integradas na Rede Eusumo.
A Rede Eusumo, que puxo en
marcha a Consellería de Traballo e Benestar, é un instrumento de acción
descentralizada constituída por entidades sociais, administracións e
outros organismos que comparten os obxectivos de traballar a favor do
desenvolvemento cooperativo e da economía social.
Os dous
obxectivos principais desta ferramenta son a posta en marcha de novos
proxectos cooperativos como motores de creación de emprego e a
consolidación das cooperativas existentes mediante a mellora da súa
competitividade.
En definitiva, a finalidade principal da creación
das oficinas de fomento cooperativo é realizar actividades de promoción
e fomento do cooperativismo dirixidas ao ámbito territorial da súa área
de influencia, estimulando o autoemprego e o emprendemento cooperativo e
apoiando a xeración de novos proxectos.
Fonte: Xunta de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario