É unha medida para fomentar e facilitar iniciativas de emprego autónomo a
través do aboamento do valor actual do importe da prestación por
desemprego de nivel contributivo ás persoas beneficiarias de prestacións
que pretenden incorporarse, de xeito estable, como socios traballadores
ou de traballo en cooperativas ou en sociedades laborais, constituílas,
ou que queren desenvolver unha nova actividade como traballadores
autónomos.
- No suposto de que sexas un traballador beneficiario ou traballadora beneficiaria de prestación contributiva por desemprego e pretendas incorporarte como socio laboral a unha cooperativa ou sociedade laboral, de nova creación ou en funcionamento, poderás obter o aboamento da prestación dunha soa vez polo importe que corresponda á achega establecida con carácter xeral en cada cooperativa e á cota de ingreso, ou ao da adquisición de accións ou participacións do capital social nunha sociedade laboral, no necesario en ambos os casos para acceder á condición de socio. Aboarase como pagamento único a contía indicada con cargo á prestación pendente de percibir, calculada en días completos, á que se lle aplicará o importe relativo ao xuro legal do diñeiro.
- Ademais, se non se capitaliza pola modalidade de aboamento nun só pagamento a totalidade da prestación, no mesmo acto de solicitude poderá solicitarlle á entidade xestora que aboe o importe da prestación por desemprego de nivel contributivo restante para subvencionar a cotización á Seguridade Social correspondente á actividade que se inicia. A contía da subvención será fixa e equivalente ao importe da achega íntegra da persoa traballadora á Seguridade Social ao inicio da actividade subvencionada, calculada en días completos de prestación. Sobre o importe da subvención de cotas non procede aplicar desconto ningún en concepto de xuro legal do diñeiro. O dereito a subvención de cotas mantense ata esgotar a contía da prestación por desemprego, sempre que o traballador permaneza na actividade.
Os beneficiarios ou beneficiarias de prestacións por desemprego poderán
incorporarse, de forma estable, como socios traballadores ou de
traballo en cooperativas ou en sociedades laborais, aínda que manteñan
un vínculo contractual previo coas devanditas sociedades,
independentemente da súa duración, sempre que cumpran os requisitos
esixidos con carácter xeral.
Que requisitos se precisan?
- Ser beneficiario ou beneficiaria dunha prestación contributiva por desemprego e ter pendente de recibir na data de solicitude, polo menos, tres mensualidades.
- Non ter feito uso deste dereito, en calquera das súas modalidades, nos catro anos inmediatamente anteriores.
- Acreditar a incorporación como socio traballador a unha cooperativa de traballo asociado de nova creación ou en funcionamento, de xeito estable.
- No caso de impugnar ante a xurisdición social o cesamento da relación laboral orixe da prestación por desemprego cuxa capitalización se pretende, a solicitude de pagamento único deberá ser posterior á resolución do procedemento correspondente.
- Efectuarase na oficina do Servizo Público de Emprego ou na dirección provincial da entidade xestora correspondente.
- Poderase presentar conxuntamente coa solicitude da prestación contributiva por desemprego ou en calquera momento posterior, sempre que teña pendente de percibir, polo menos, tres mensualidades e non se iniciase a actividade.
- As persoas traballadoras que perciban a súa prestación nesta modalidade de pagamento único, non poderán volver a percibir prestación por desemprego ata que non transcorra un tempo igual ao que capitalizou as prestacións, nin solicitar unha nova capitalización mentres non transcorran, polo menos, catro anos.
- Se non se capitaliza a totalidade da prestación pola modalidade de aboamento nun só pago, no mesmo acto da solicitude poderá pedirse o aboamento do resto para subvención de cotas de Seguridade Social. De non facerse así, a persoa traballadora non poderá solicitar con posterioridade este aboamento. Ademais, se o traballador ou traballadora só solicita a subvención de cotas de Seguridade Social, non poderá acceder con posterioridade á capitalización en pagamento único da presentación pendente de percibir.
Obrigas das persoas traballadoras
- Percibido o importe da prestación, iniciar a actividade laboral no prazo máximo dun mes.
- Presentar ante a entidade xestora a documentación acreditativa do inicio da actividade.
- Destinar a cantidade percibida á contribución social obrigatoria, no caso de cooperativas ou sociedades laborais, ou ao investimento necesario para desenvolver a actividade, no caso de traballadores autónomos con ou sen discapacidade.
Que documentación se presenta?
- Modelo de Solicitude.
- No caso de incorporación a cooperativas ou a sociedades laborais xa constituídas:
- Certificación de que se solicitou o seu ingreso nela, con indicación das condicións de traballo como socio de carácter estable, se se fixa ou non período de proba e a súa duración, ademais do importe da achega obrigatoria, a achega voluntaria, de ser o caso, e/ou a cota de ingreso (este último dato non será preciso se se solicita exclusivamente a subvención de cotas á Seguridade Social).
- Se parte da cantidade obtida se destina a financiar a achega voluntaria, o compromiso do solicitante de que esa achega permanecerá na cooperativa o mesmo tempo que a obrigatoria, ou o mesmo tempo durante o que había percibir a prestación por desemprego na modalidade ordinaria de aboamento mensual.
- No caso de constitución de cooperativas ou sociedades laborais de nova creación:
- Proxecto de escritura pública de constitución e dos estatutos.
- Memoria explicativa do proxecto do investimento que se vai realizar e da actividade que se vai desenvolver, e canta documentación acredite a súa viabilidade.
- Se parte da cantidade obtida se destina a financiar a achega voluntaria, o compromiso do solicitante de que esa achega permanecerá na cooperativa o mesmo tempo que a obrigatoria, ou o mesmo tempo durante o que había percibir a prestación por desemprego na modalidade ordinaria de aboamento mensual.
Se queres mais información sobre o procedemento de solicitude de
pagamento único e a constitución dunha cooperativa, na Oficina de Fomento Cooperativo da Agrupación Sobrado estamos
ao teu dispor, ponte en contacto con nós.
Tamén podes chamar ao teléfono de atención ao cidadán do Servizo Público de Emprego Estatal: 901 11 99 99.
Máis info premendo aquí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario