viernes, 21 de diciembre de 2012

Cooperativas de servizos sociais


Tal como se recolle no Plan Estratéxico Galicia 2010-2014, o avellentamento da poboación galega, xunto coa competitividade económica, o respecto medioambiental e o aproveitamento enerxético, constitúen os grandes retos da nosa sociedade para os próximos anos.
En particular, ao avellentamento da poboación, e a alta porcentaxe de poboación dependente, sobre todo no ámbito rural, súmase unha taxa de actividade feminina baixa.
Neste marco, a economía da saúde, os servizos á terceira idade e os servizos de benestar serán un dos eixos de desenvolvemento económico estratéxicos.

En Galicia existen máis de 30 cooperativas con actividade no CNAE de servizos sociais. Case todas prestan servizos SEN aloxamento, estas son maioritariamente de Traballo Asociado (74%) ou de Servizos Sociais e Traballo asociado (13%). Se facemos a análise por provincias, donde máis peso teñen é na provincia de Ourense (35%), con 29% A Coruña, 16% Lugo e 19% Pontevedra.

1. Por que non articular o sector de servizos sociais en forma cooperativa?

A fórmula cooperativa ten demostrado xa ser unha fórmula creadora de emprego en época de crise, apegada ao territorio, preocupada polo benestar e igualitaria. Existen varias tipoloxías a ter en conta: 
  • Cooperativa de traballo asociado
A cooperativa está formada por socios e socias traballadoras. O seu obxectivo común é acadar un emprego digno a través do cal desenvolverse profesionalmente. Producen servizos para terceiros.
A vinculación dos socios e socias traballadoras é societaria. Isto quere dicir que non teñen un contrato laboral, senón unha vinculación social coa cooperativa.
Poden optar ao réxime xeral ou réxime especial de autónomos, sempre que todos teñan o mesmo.
  • Cooperativa de servizos sociais
Iguais que as de traballo asociado, e ademais:
- Teñen por obxecto a prestación de servizos sociais.
- Poderán participar como socios as administracións ou entidades públicas, así como
axentes sociais colaboradores na prestación de servizos sociais, que poden reservar
para si o control da calidade e condicións da prestación dos servizos.
  • Cooperativa de integración social
Os socios e socias son persoas con dificultades de integración social (diversidade funcional, e outros) e os seus titores ou persoal de atención.
Teñen por obxecto a integración social.
Desenvolven unha ou varias destas actividades:
✔ Bens e servizos para a subsistencia e desenvolvemento dos socios
✔ Organizar e comercializar a produción ou servizos realizados polos socios.
✔ Outros servizos: terapéuticos, residenciais, deportivos ou asistenciais aos socios e socias.
  • Cooperativa de consumidores e usuarios
Os socios e socias son as persoas usuarias finais neste caso de servizos sociais. Teñen por obxecto acceder aos servizos necesarios nas mellores condicións de prezo e calidade.
Poden contratar o persoal preciso para a xestión ou a realización deses servizos. Este persoal é contratado laboralmente pola cooperativa (ou tamén pode aplicarse a fórmula
de socio ou socia de traballo).
  •  Cooperativa sen ánimo de lucro
As cooperativas que se dedican á prestación de servizos sociais poden obter a cualificación de cooperativa sen ánimo de lucro. Para iso deben cumprir as seguintes normas:
✔ Non distribúen os excedentes entre as persoas socias
✔ Non reciben un xuro polo capital achegado superior ao legal
✔ Desempeñan os cargos no consello reitor de forma gratuíta
✔ As retribucións laborais non poden superar o 150% das establecidas no convenio de referencia

2. Que actividades se poden realizar no ámbito dos servizos sociais?
As actividades que se engloban dentro dos servizos sociais son moi variadas:
  • teleasistencia 
  • axuda no fogar
  • centro de día
  • atención residencial
  • apoio a coidadoras
  • atención psicolóxica
  • programas socioeducativos
  • terapia ocupacional
  • inserción laboral
3. Apoios e axudas
Os servizos sociais e a atención a persoas dependentes son un dos eidos potenciais de creación de emprego en Galicia. En base a isto, existen liñas de apoio específico para este tipo de inicaitivas, así como liñas de apoio xerais ás que tamén poden acollerse os proxectos cooeprativos neste sector.
  •  Rede Eusumo
A Oficina de Fomento Cooperativo da Agrupación Sobrado, a través da Rede Eusumo, ofrece un apoio específico para fomentar empresas de economía social neste sector. Este apoio consiste no asesoramento e acompañamento de grupos promotores, e inclúe traballos de contacto con administracións, asociacións e persoas interesadas, compilación de información, estudos de poboación, formación en economía social, maduración de grupos promotores, etc.  
  •  Subvencións a cooperativas e sociedades laborais
A Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social ten unha liña de axudas de Fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo, que se convoca cada ano. De forma sintética, os apoios que contempla son:
PROGRAMA I, fomento de emprego
✔ Axudas por incorporación de socios e socias traballadores ou de traballo
✔ Bonificada a incorporación de mulleres, entre outros colectivos
PROGRAMA II, mellora da competitividade
Específica para cooperativas de natureza social: Incorporación de socios e socias ou contratación de persoal especializado: traballo social, psicoloxía ou outros perfís precisos. Ata o 75% dos gastos, ata 18.000 euros por cooperativa
PROGRAMA III, impulso novos proxectos

✔ Asesoramento e acompañamento
✔ Asistencia técnica
✔ Trámites
✔ Lanzamento da actividade
PROGRAMA IV, acceso á condición de socio
Axuda destinada a financiar parcialmente a achega ao capital social á cooperativa para persoas que se incorporan como socias traballadoras

Ver convocatoria 2012 (pechada): DOG nº 13, do 19 de xaneiro de 2012.

4. Algúns exemplos
  
Abellao, S. Coop. Galega, Axuda no fogar

En pleno corazón do Ribeiro, cinco mozas en desemprego, deciden cambiar o seu rumbo profesional, creando unha empresa colectiva, baixo a fórmula cooperativa de traballo asociado. Contando coa axuda da Federación de Mulleres Rurais nos trámites de constitución.
Abellao é unha empresa de axuda no fogar, levando a cabo os seguintes servizos:

- Atención persoal: acompañando a persoa dependente en todas as tarefas que non pode realizar por si mesma, desde o aseo persoal ao control de medicamentos e acompañamento aos médicos.
- Atención de carácter doméstico: realizacion de todas aquelas actividades que se realicen habitualmente no fogar; desde preparado de comidas, limpeza, acondicionamento da roupa; compras, etc.
- Servizos vintecatro horas de atención personalizada a persoas dependentes en hospitais e no fogar. Traslados de persoas a rehabilitacións, fisioterapias, etc.

Todos os servizos prestados levanse a cabo tanto a nivel privado como para organismos públicos.
Dirección: Travesia do Ribeiro, s/n. Viveiro de Empresas
Localidad: Ribadavia
Provincia: Ourense
CP: 32400
Tel: 608 148 220
 
http://ugacota.coop/cooperativas/abellao-s-coop-galega/


Fonte: Rede Eusumo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario