miércoles, 19 de diciembre de 2012

Consumo responsable e agroecolóxico - Cooperativas de consumo

Nos últimos tempos, os agricultores teñen mudado a súa modalidade produtiva adaptándose ás esixencias dos clientes aos que venden as súas colleitas. Os novos agricultores xoves procedentes das cidades, que en moitos casos se desprazan ao campo por mor do desemprego, apostan por cultivos sans e de calidade sen compoñentes artificiais.
Víctor Suárez e Javier Martínez
na súa horta ecolóxica en Cerqueda
Ademáis, aqueles que cultivan persoalmente ás súas hortas, as granxas e sociedades agrarias de produción agropecuaria converteronse nos principais subministradores de produtos cárnicos e lácteos mediante o desenrolo de prácticas ecolóxicas. Non caben compoñentes químicos cos que alimentar os animais nin cubrir pastos ou hortas e non hai outra ambición que unha produción de alta calidade.


Unha vez que os produtos ecolóxicos son recollidos da terra ou envasados, os operadores os destinan a industrias que demandan materia prima ecolóxica, tendas especializadas, cadeas de distrinbución ou cooperativas de consumo. É nestas últimas donde se fomentan os hábitos responsables de alimentación mediante a adquisición de paquetes variados de produtos e actividades de concienciación. Esta clase de cooperativa asocia a persoas físicas ou xurídicas que sexan destinatarios finais, tendo por obxecto a procura de bens e servizos para o consumo de socios e socias nas mellores condicións de calidade, prezo e información.

Os grupos, asociacións e cooperativas de consumo responsable e agroecolóxico son unha fórmula alternativa pola que apostan preto dun millón de familias ou "unidades de consumo" en Galicia para abastecerse con produtos de calidade, tanto frescos como elaborados, que garanten o pago dun "prezo mínimo" ao produtor.

Experiencias das cooperativas de consumo

Algúns exemplos de cooperativas de consumo son: Zocamiñoca, da Coruña; Árbore, de Vigo;  A Cova da Terra, de Lugo, A Xoaniña, de Ferrol e Panxea, en Santiago. 

Dende a Cooperativa de Consumo Consciente Árbore, cuns 330 socios, comentan que a  fórmula para conseguir o maior nivel de aforro consiste en integrarse no tecido asociativo, orientar adecuadamente a forma de consumir e optar por produtos de tempada, a granel. “O sistema cooperativo pode dar solucións reais a nivel de calidade e prezo”, afirma Diego Alonso, pero “falta moito consumo consciente e coñecemento” para que esta formulación chegue máis ao público e leste fortaleza o vínculo co campo. 
A expansión deste movemento é anterior ao comezo da crise –remóntase ao ano 1979, segundo Alonso– e “o seu crecemento vai do oito ao 20 por cento anual”. No actual contexto económico, este modelo contribuíu “a que a xente se preocupe máis pola saúde”, sinala o portavoz de Árbore, que culpa ao actual sistema de “ofrecer peores produtos e esnaquizar a produción local”.

“En sabores, texturas e visualización, a diferenza é inmensa”, asegura Alonso ao comparar os produtos agroecológicos cos convencionais. “Ao saber que poden ter o produto fresco, á porta de casa” e cunha relación calidade-prezo na que a diferenza é “ínfima” con respecto ao que se paga na gran superficie, “moita xente está disposta a cambiar”.

“Xa se ve onde nos levou o capitalismo”, argumenta Clara Raposo, da Asociación A Cova da Terra, de Lugo, pioneira en abrir unha tenda de comercio xusto de Galicia, en 1995, e que ten 160 unidades de consumo adscritas. “Nesta época de crise a xente reflexiona máis, é un tipo de consumidor máis consciente que investiga para conseguir produtos”.

Falando de facturación...
Segundo Xoán Martínez, este sector podería estar a facturar un millón de euros, dos cales ao redor de 800.000 corresponderían á suma de Árbore, A Cova da Terra e A Xoaniña. "Certo que estes produtos adoitan ser máis caros, pero non sempre, depende de como se compre", indica Martínez. O prezo dun tomate pode oscilar entre 4 e 1,50 euros, sendo "máis caro en febreiro e máis barato en agosto". Trátase de "fomentar outro tipo de consumo como panca de cambio social", sinala o portavoz da Xoaniña, que consiste en "organizar a alimentación en función dos ciclos da natureza", engade a súa homóloga da Cova da Terra.

A existencia destas unidades de consumo -cuxo impacto real en número de persoas multiplícase por dúas ou por tres- complementouse coa aparición de explotacións agrogandeiras de produción ecolóxica. A Memoria de 2011 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia constata un aumento do 2,2 por cento no número de operadores, con 586 inscritos. Con respecto á última década, os datos oficiais revelan que o incremento foi do 63 por cento.

"Antes non había nada e agora hai produtos da horta, vacún, avicultura", apunta Xoán Martínez, e mesmo peixe procedente de reservas marítimas cuxa explotación se basea en criterios de sustentabilidade. A Asociación Panxea, de Santiago, prevé comezar en setembro a realizar pedidos á agrupación Mar de Lira para satisfacer a demanda das súas máis de 60 unidades de consumo. Do mesmo xeito que Árbore, A Cova da Terra e A Xoaniña, Panxea tamén conta cunha tenda propia que, ademais de atender periodicamente os pedidos dos seus socios, está aberta ao público.

"A principios do século pasado unha familia media destinaba o 80 por cento dos seus recursos a alimentación, cando hoxe en día supón o 20 por cento", expón Gonzalo Xesto, de Panxea, quen considera que as hipotecas, os impostos, as novas tecnoloxías, os vehículos ou os combustibles acaparan a maioría do gasto. En Panxea apostan por favorecer "que agricultores e gandeiros teñan unha vida digna", polo que consideran unha cuestión de "coherencia" o feito de "achegar algo máis para pagar esa dignidade e a calidade do produto".

Xesto incide na achega dos produtores para frear o despoboamento do interior e os beneficios da súa actividade no medio ambiente. "rompe a barreira cultural entre medio urbano e rural, achegando este último ás xeracións novas que teñen un profundo descoñecemento dos ciclos de produción", indica o portavoz de Panxea, vinculada tamén ao movemento das "finanzas éticas" a través da Asociación de Interese Solidario Ou Peto e a división en Galicia da Cooperativa de Servizos COOP57, da que é partícipe A Xoaniña.

Algunhas definicións...

Cooperativa de cosumidores e usuarios: Segundo o artigo 114 da Lei 14/2011, do 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, as cooperativas de consumidores/as e usuarios/as teñen por obxectivo a procura de bens e servizos para o consumo das súas persoas socias e das persoas que convivan con elas, producindo os bens e servizos que proporcionen ou adquiríndoos de terceiras persoas, así como a defensa e promoción dos dereitos dos consumidores/as ou usuarios/as. Poden asociarse as persoas físicas ou persoas xurídicas e as entidadades ou as organizacións de consumidores ou consumidoras que teñan carácter de destinatarios finais.
O subministro de bens e servizos da cooperativa ás súas persoas socias terá a consideración de operacións societarias internas, resultando a mesma cooperativa, así como as súas persoas socias, para todos os efectos, como consumidoras directas.
Poderán realizar actividades cooperativizadas con tercerias persoas non socias, dentro do ámbito territorial da cooperativa, ata o límite previsto nos seus estatutos sociais, e de non estar recollido nos mesmos, como límite máximo o 50% das súas operacións coas persoas socias.

Consumo responsable: O concepto de Consumo Responsable é moi amplo, como o é a propia actividade de consumir. Podemos, sen embargo, sintetizalo en tres bloques:
1.-Un Consumo Ético, no que se introduzan valores como unha variante importante á hora de consumir ou de optar por un producto. Fai especial énfase na austeridade como un valor en relación coa redución para un consumo ecolóxico, pero tamén fronte ao crecemento económico desenfrenado e ao consumismo como forma de alcanzar o benestar e a felicidade.
2.-Un Consumo Ecolóxico, que inclúe, por esta orde, as famosas "erres" do movemento ecoloxista: Reducir, Reutilizar e Reciclar, pero no que tamén se inclúen elementos tan imprescindibles como a agricultura e gandeiría ecolóxicas, a opción pola produción artesá, etc.
3.-Un Consumo Social ou Solidario, no que entraría tamén o Comercio Xusto, é dicir, o consumo no que se refire ás relacións sociais e condicións laborais nas que se ten elaborado un producto ou producido un servizo. Trátase de pagar o xusto polo traballo realizado, tanto a xentes doutros países como ás máis cercanas, no noso ámbito local; trátase de eliminar a discriminación, xa sexa a causa da cor da pel ou por diferente orixe, ou por razón de xénero ou relixión; trátase de potenciar alternativas sociais e de integración e de procurar un novo orde económico internacional.

Agricultura ecolóxica: É un sistema de producción que busca conseguir alimentos de máxima calidade,respectando o medio ambiente e conservando a fertilidade do solo, mediante a utilización óptima dos recursos e sin o uso de productos químicos de síntese.
 
Fonte: Galicia Hoxe (15 de agosto de 2012) e La Opinión (25 de marzo de 2012).

No hay comentarios:

Publicar un comentario