martes, 30 de octubre de 2012

Vantaxes da cooperativa fronte ás sociedades mercantís

Na xornada de Cooperativismo que celebramos en Toques, o pasado 23 de outubro, algún asisitente preguntou acerca de cales eran as vantaxes da fórmula cooperativa fronte a outras formas xurídicas. 
A continuación detallamos algunhas das vantaxes da cooperativa fronte á outras sociedades mercantís:




  • O principio cooperativo de porta aberta, ou libre adhesión e baixa voluntaria, facilita a entrada e saída dos/as socios/as en calquera momento, sempre dentro duns límites establecidos nos Estatutos.
  • Poden elixir o xeito de cotizar fronte á Seguridade Social. Posibilidade de optar polo réxime xeral ou polo réxime especial dos traballadores autónomos sempre que sexa acordado pola totalidade dos membros da cooperativa.
  • Vantaxes fiscais. Mentres que as sociedades mercantís tributan no Imposto de Sociedades, con carácter xeral, a un tipo impositivo que oscila entre o 20 e o 30%, dependendo do volume de negocio ou tamaño da empresa as cooperativas tributan ao gravame do 20%. E as vantaxes son aínda maiores nas cooperativas de traballo asociado, xa que ao tratarse de cooperativas especialmente protexidas gozan dunha bonificación do 50% na cota íntegra do Imposto de Sociedades.
  • Axudas económicas. Existe unha maior sensibilización por parte da administración autonómica por impulsar e fomentar as empresas de economía social, como son as cooperativas e, consecuentemente, existen os maiores incentivos.
  • Valor da participación como enfoque empresarial. Todas as persoas socias participan de forma directa na actividade desenvolvida pola cooperativa e, en especial, nas de traballo asociado, nas que os/as socios/as están a cooperativizar o seu traballo, o que supón unha maior implicación e compromiso. Isto é o que fai da participación un elemento fundamental tanto para incrementar a calidade e a produtividade da cooperativa como para estimular a capacidade creativa e innovadora dos/as socios/as, canalizando toda a riqueza de ideas e tarefas que hai na organización.
  • Prevalecen os principios democráticos de funcionamento e a persoa fronte ao capital. As cooperativas, pola súa natureza persoal, asociativa e democrática, aplican principios de distribución equitativa de resultados, de democracia organizada, de primacía de persoas sobre os capitais, de transparencia na xestión, solidariedade e cohesión social.

No hay comentarios:

Publicar un comentario